Ir ao contido principal

Nomes e Voces

O Proxecto de Investigación "Nomes e Voces" naceu ao abeiro dos traballos que  se realizaron ao redor do Ano da Memoria 2006, promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Ao proxecto encomendóuselle a tarefa de estudar a violencia franquista durante a Guerra Civil e a ditadura, así como ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron algún tipo de persecución neste período. Esta tarefa abordouse desde a perspectiva da investigación histórica, como parte dun crecente interese da sociedade polo estudo da violencia franquista e as consecuencias desta.

Presentación

O proxecto foi executado por un grupo de investigación formado polos máximos especialistas na “violencia do 36” en Galicia, dirixidos polo catedrático de Historia Contemporánea, Lourenzo Fernández Prieto e que actuou, principalmente en tres liñas:

1. A constitución dun fondo de gravacións sobre a memoria oral da guerra

2. A elaboración dunha relación nominal das vítimas 

3. A determinación dunha xeografía da represión

O traballo a desenvolver virou ao redor da pescuda dos nomes, das voces e dos lugares da represión. Nesta liña, e desde o rigor da disciplina histórica, pretendeuse cubrir os baleiros existentes sobre o período de estudo. En primeiro lugar, púxose ao servizo da sociedade galega os nomes das vítimas da guerra civil e da retagarda, a través dunha base de datos nominal que recolle diferentes datos (como idade, profesión, filiación ou tipo de suceso violento). Ao tempo, recolléronse as voces dos que pasaron polo cárcere, o exilio ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus familiares máis achegados. E por último, démoslle visibilidade aos lugares de asasinato e execución, como as "cunetas", os cemiterios, as corredoiras ou os montes.

Metodoloxía

O Proxecto de Investigación tamén buscou establecer a centralidade desta parte do pasado recente na investigación histórica do momento, tanto en termos científicos sociais, historiográficos e mesmo comunicativos. Realizaronse reunións por parte dos investigadores e os coordinadores provinciais, co intento de sistematizar o traballo ao máximo, así como xuntanzas periódicas onde se expuxeron os avances e atrancos no proceso de baleirado documental. Ademais, foi un contexto no que proliferaron numerosas investigacións e publicacións sobre o tema, en Galicia e no resto do territorio do Estado español.

O coñecemento e a pescuda non han servir só no empirismo e na acumulación positiva de datos e informacións –imprescindibles como parte primordial do Proxecto de Investigación– senón tamén na análise e tratamento dos mesmos. Isto significa ademais a contribución ao debate científico a través das vías convencionais e das que poidan deseñarse: encontros, seminarios, publicacións de resultados en diferentes formatos, etc. O produto das investigacións é un recurso público e un instrumento ao servizo de familiares e interesados e, por suposto, da Administración.

O manexo dun abundante elenco documental, así como a súa  interpretación histórica, formaron parte dos presupostos de arranque do Proxecto. Loxicamente, as fases iniciais dedicáronse á pescuda e recompilación dun gran número de fontes que, posteriormente, se procesaron dun modo eficiente para ofrecer un acceso directo á información por parte da cidadanía. A posta en valor das fontes históricas e das bases de datos asociadas ao Proxecto respondeu á necesidade de extraer o máximo partido aos materiais e coñecementos acumulados aquí, para a súa divulgación social, educativa ou/e cultural.

Algunhas cifras

O proxecto de investigación realizou traballos relativos á fonte oral, fonte escrita, recollida documental escrita e gráfica, e atendeu, na medida do posible, as demandas que, desde a sociedade galega, se formularon. Como resultado,

512 entrevistas

12.600 fragmentos de son con resumos de contido, etiquetas de busca e valeirado dos nomes das vítimas citadas nelas.

2.799 causas baleiradas (máis de 400.000 páxinas)

3.470 entradas de rexistro de defuncións, percorrendo os rexistros civís de toda Galicia e concellos limítrofes de Zamora.

9.600 entradas bibliográficas, só nunha escolma da bibliografía existente sobre o tema.

22.340 items de imaxes recollidas fundamentalmente provintes de patrimonios das familias das vítimas

17.774 rexistros persoais e 15.000 rexistros persoais validados.

Obxectivos

O Proxecto buscou responder desde o ámbito da historia a unha demanda de recuperación das memorias aínda ocultas, con tres obxectivos:

  • Elaboración dunha relación de nomes das vítimas da violencia golpista e sublevada en Galicia no período da Guerra Civil (1936-1939) atendendo o estudo de fontes escritas da época, fontes orais e estudos locais existentes. Para sistematizar toda esta información, elaborouse unha base de datos onde se recolleron os nomes e a traxectoria vital dos afectados.
  • A realización dun plan de entrevistas para recoller a memoria da violencia en Galicia. Pola súa avanzada idade, o principal foco de atención foron os protagonistas superviventes da época, seguidos dos familiares directos. Para a súa sistematización tamén se crearon bases de datos específicas que estarán á disposición da sociedade (Terra e Memoria).
  • No camiño de rescatar lugares da memoria oculta, buscouse achegar un coñecemento exhaustivo de todos os lugares nos que se sufriu a violencia de 1936 en Galicia. Isto concretouse no seu cartografado, que incluíu a distribución espacial, e nunha análise dos lugares que se converteron en escenarios máis relevantes da violencia.