Ir ao contido principal

Fosa do cemiterio de Santa Eulalia de Vilacoba Fosa en cemiterio

Escavación na fosa cómun do cemiterio antigo de Vilacoba (Lousame) para localizar e identificar os restos das vítimas da violencia do golpe de Estado, da retagarda e da guerra civil de 1936. 

Ver no mapa
Localización da fosa no antigo cemiterio de Vilacoba

Investigación histórica

As investigacións previas levadas a cabo sobre as vítimas e o espazo indicaron, nun primeiro momento, a posibilidade de atopar cinco persoas enterradas: Manuel García Hermo, Perfecto Félix Vilas Romero, seu irmán, Antonio, María Josefa Becerra Laíño e Avelino Méndez Suárez. Todas elas foron asasinadas a consecuencia de "paseos" en diferentes momentos da retagarda: a finais de agosto de 1936, a finais de febreiro de 1938 e cara o final da guerra. Recompilamos información sobre o contexto das súas mortes, os seus verdugos e os seus enterramentos; con todo, as informacións obtidas sobre o último punto foron as máis incertas. Como consecuencia, descoñeciamos se estaban todos eles enterrados nunha mesma fosa ou área dentro do cemiterio. As diferentes zonas susceptibles de localización da fosa estaban situadas á marxe esquerda da porta de acceso principal. En todas elas se levaron a cabo sondaxes e intervencións, por parte do equipo arqueolóxico, grazas a un traballo previo e coordinado de todo o equipo no que foron clave as investigacións de Nomes e Voces, de historiadores locales como Xerardo Agrafoxo, xunto coa colaboración de asociacións da memoria e dos familiares. 

Investigación arqueolóxica

A intervención arqueoloxica executouse en 4 sectores diferentes. Os resultados negativos na primeira área demandou abrir novos espazos, incluso con ampliacións, nos que se recuperaron e exhumaron os restos dun individuo adulto, de sexo masculino e de mediana idade, que podría ser coincidente con Manuel García Hermo. A nivel arqueolóxico non se pode concluír que ditos restos, sexan dunha vítima da guerra civil, pero tampouco se pode descartar ata unha análise minuciosa por parte do equipo de antropoloxía forense e xenética. Posteriormente, procedeuse a escavar outros dous sectores nos que non se identificaron indicios de fosas de inhumación. A pouca potencia do sustrato antes da aparición do nivel xeolóxico imposibilita enterramentos na zona sur do cemiterio (salvo tumbas escavadas sobre o propio sustrato xeolóxico).

Análise forense

A análise forense estase levando a cabo, a pesar do estado de degradación no que se atoparon os restos exhumados e de contar unicamente co 5% dos osos. Recuperáronse varios restos molares, sobre os que traballará posteriormente o equipo xenético para tratar de obter restos de ADN. Tamén se detectaron pequenos fragmentos metélicos de óxido de cobre que poden corresponderse con fragmentos da camisa dun proxectil de arma de fogo, o que nos daría pistas sobre as circunstancias da morte. Na actualidade, ditos fragmentos están sendo analizados cun microscopio electrónico co fin de coñecer a súa composición.

Análise xenética

Os restos óseos están sendo sometidos á análises de ADN e diagnose no Laboratorio Laboratorio de Xenética Forense da USC obxectivo de obter datos primarios non observados en campo e o rexistro de posibles marcas de violencia visibles nos restos e para verificar se restos do individuo exhumado corresponden a Manuel García Hermo

Acción de memorialización das vítimas e do espazo

A continuación amosamos as accións levadas a cabo para a memorialización e significación da fosa e das vítimas na procura de difundir e transferir públicamente o coñecemento do noso pasado.

Ficha técnica

Localización

Localidade
Vilacoba
Concello
Lousame
Provincia
A Coruña
Outras referencias
Algúns testemuños orais de veciños locais sinalan que onde enterraban aos "paseados" era na marxe dereita da porta principal (lugar onde é inviable unha escavación debido á existencia de tumbas privadas)

Características

Nº persoas enterradas
5
Manuel García Hermo
Perfecto Félix Vilas Romero
Antonio Vilas Romero
María Josefa Becerra Laíño
Avelino Méndez Suárez
Tipoloxía do asasinato
Paseo
Cronoloxía
1936-1939

Estado

Intervención
si
Data da intervención
2022
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática, Xunta de Galicia e Universidade De Santiago de Compostela
Propiedade do terreo
Eclesiástica
Memorialización e sinalización
Sen memorialización nin sinalización
Outras observacións
Á espera de poder cotexar o adn dos familiares de Manuel García Hermo cos restos atopados na fosa

Fontes

Arquivo

Bibliografía

Xerardo Agrafoxo Pérez,  A Guerra civil en Lousame e Noia: 1938-1939: o tripe crime de Marselle, a traxedia do Baleares,Lousame: Concello de Lousame, 1999.

Xerardo Agrafoxo Pérez, 1937, a guerra civil en Lousame e Noia: o fusilamento de David Mariño Ramos (Presidente da C.N.T., Lousame: Concello de Lousame, 1997

Xerardo Agrafoxo Pérez, 1936, a guerra civil en Lousame e Noia: testemuñas dunha represión, Lousame: Concello de Lousame, 1995.

Elixio Villaverde García, Heroes e mártires. A Segunda República e a guerra civil no Barbanza, Santiago de Compostela: Tórculo.

Xesús Costa Rodil e Xesús Santos Suárez, Do Sar o Monte Louro. Memorial da represión, 1936-1050, A Coruña: Deputación da Coruña, 2019.

Xesús Pérez Besada, “Aspectos da represión franquista no concello de Ribeira (1936-1939)”, Barbantia, nº 2 (2006), pp. 121-131.

José Antonio Pérez Fernández, “Voces da memoria, Ribeira da II República á represión”, Barbantia, nº 2 (2006), pp. 132-141.

José Antonio Pérez Feenández, “Guerra civil e represión nos concellos da Pobra do Caramiñal e Ribeira”, en VVAA, Actas das III Xornadas de Historia e Cultura. A II República e a guerra civil na bisbarra da Barbanza, Porto do Son: concello do Porto do Son, 2004, pp. 39-48.

José Antonio Pérez Fernández (Ed.), Diarios de Julio Silva, Ribeira: CRMHB, 2019.

Hemeroteca