Ir ao contido principal

Fosa de San Pedro de Filgueira Fosa en cemiterio

Intervención no adro da igrexa de San Pedro de Filgueira, na zona que linda coa cabeceira da igrexa, na procura dos restos de César Alberte Domínguez, asasinado na ponte de Castrelo de Miño o 25 de novembro de 1936.

Ver no mapa
Adro da igrexa de San Pedro
Poboación
Filgueira
Concello
Crecente
Provincia
Pontevedra
Nº persoas enterradas
4
César Alberte Domínguez.
Tres persoas pendentes de identificación aparecidas detrás da igrexa.
Cronoloxía
1936
Data da intervención
2021
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia; Universidade de Santiago de Compostela
Memorialización e sinalización
Non
Ver máis

Investigación histórica

A primeiras pescudas estiveron orientadas a precisar o lugar de enterramento de César Alberte Domínguez e a localizar dous enterramentos irregulares na beira do río Miño. Tras a procura infrutuosa dos seus restos, en 2011, na localización indicada polas persoas que o enterraran no outono de 1936, novas informacións permitiron localizar unha fosa no adro posterior da igrexa de San Pedro de Filgueira. Asemade procurouse a localización doutros dous enterramentos irregulares na beira do río Miño. Como consecuencia da construción dunha presa, o caudal do río aumentou na zona. Tras realizar un recoñecemento do terreo e o seu contraste con imaxes aéreas, concluíuse que os enterramentos están, na actualidade, soterrados baixo as augas do Miño, imposibilitando a exhumación dos corpos.

César Alberte Domínguez, alcuñado «Largo Caballero» polo seu parecido físico co lider do PSOE, era natural de Arnoia. Conserxe no concello e edil da Corporación a partir de febreiro de 1936. Oposto ao alcalde, e despois delegado gobernamental, Evencio Álvarez Bangueses. Tras o golpe de Estado foi sinalado como «elemento extremista ou perigoso» e acusado de «conduta social sospeitosa». Na noite do 25 de novembro de 1936,  foi detido na súa casa, en presenza da súa muller e fillos, polos irmáns Luis e Antonio Álvarez que o levaron ao local da Falanxe, pretendidamente para tomarlle declaración. 

Asasinado esa mesma noite na ponte de Castrelo do Miño, o seu corpo foi arrebolado ao río e arrastrado pola corrente até o lugar de Filguera, onde Manuel Gil o recolleu e, tras intentar sen éxito que o párroco lle permitise sepultalo no cemiterio de San Pedro, coa axuda de seus fillos deitou o corpo nunha fosa ao pé das escaleiras de acceso ao cemiterio. 

César non foi inscrito no rexistro de defuncións. O falecemento está rexistrado pola denuncia interposta pola propia familia contra os seus supostos asasinos, proceso rexistrado na causa militar 1334/36 da praza de Ourense. Como resultado da mesma, os denunciados como responsables da desaparición foron postos a disposición do Gobernador militar de Ourense o 19 de abril de 1937, sendo postos en liberdade ao día seguinte.

Novas informacións achegadas por Eduardo Estévez Blanco descartaron a localización do enterramento de César Alberte, xa que as escaleiras do cemiterio foron construídas despois da morte de César, en 1941 coa chegada dun novo párroco. Os novos testemuños identificaban unha zona de enterramento na parte posterior da igrexa, onde consta tamén a existencia de enterramento  de meniños que finaban, cuxos restos seguramente continúan na zona. A mesma localización foi apuntada recentemente polo que fora enterrador na parroquia.

Investigación arqueolóxica

A escavación arqueolóxica deitou a luz restos óseos en zonas de recheo, principalmente osos longos, cranios, e os restos dun individuo inhumado sen cadaleito. Ademais atopáronse materiais cerámicos (tipo faiança portuguesa, cerámica de Talavera, louza industrial contemporánea, fragmentos de tella), metais asociados a cadaleitos (cravos e asas), anacos de vidro pertencentes a floreiros) e coiro (sola dun zapato).

Análise forense

Realizouse un estudo antropolóxico preliminar a dos traballos arqueolóxicos realizados na sondaxe da igrexa de San Pedro de Filgueira: os resto dun individuo atopado en posición primaria; 10 cranios e numeroso ósos longos (úmeros, radios, cúbitos, fémures, tibias e peronés) procedentes de zonas de recheo.

Analizáronse en campo os restos dun individuo, atopado en posición primaria, ben articulado, nunha posición anómala e non funeraria, xa que presentaba as extremidades inferiores en extensión cos pés entrecruzados e as extremidades superiores co brazo dereito semiflexionado a nivel de tórax e á esquerda en extensión. Foi inhumado, sen ataúde, directamente nunha fosa  pequena para o tamaño seu corpo. Estes feitos fan pensar que foi enterrado sen coidado e con présas. Podería tratarse dun home maior de 35 anos e de aproximadamente 160 cm de altura, trazos que encaixan cos datos de César Alberte, aínda que serán as probas de ADN as que determinen esa posible identidade.

Dos 10 cranios estudados in situ, 5 clasificáronse como adultos novos, 2 como adultos maduros, 1 como adulto senil e dous como indeterminados. Dous son de varóns, 1 de muller e 7 os que non se puido determinar o sexo. En 7 cranios Identificáronse sinais de violencia. Tres amosan orificios compatibles con impacto de proxectil. Este feito apunta á posibilidade de que os restos de César Alberte non fosen os únicos de vítimas de violencia enterradas no cemiterio de San Pedro de Filgueira.

Análise xenética

Os restos óseos están sendo sometidos á análises de ADN e diagnose no Laboratorio Laboratorio de Xenética Forense da USC obxectivo de obter datos primarios non observados en campo e o rexistro de posibles marcas de violencia visibles nos restos e para verificar se restos do individuo exhumado corresponden a César Alberte Domínguez.

Acción de memorialización das vítimas e do espazo

Descrición dos actos de memorialización

Ficha técnica

Localización

Poboación
Filgueira
Concello
Crecente
Provincia
Pontevedra
Outras referencias
Atópase na cabeceira da igrexa de San Pedro de Filgueira.
Tipoloxía do asasinato
Paseo

Características

Nº persoas enterradas
4
César Alberte Domínguez.
Tres persoas pendentes de identificación aparecidas detrás da igrexa.
Cronoloxía
1936
Outras referencias
Tíñase a referencia de que na fosa se atopaba unha única vítima, Cesar Alberte Domíngue; no trascurso da escavación descubríronse tres cráneos máis con un aparente impacto de bala, o que falaría de tres vítimas máis das que non existen referencias.

Estado

Intervención
Si
Data da intervención
2021
Entidade promotora
Secretaría de Estado de Memoria Democrática; Xunta de Galicia; Universidade de Santiago de Compostela
Propiedade do terreo
Eclesiástica
Memorialización e sinalización
Non
Outras referencias
En 2011 realizouse intervención nas escaleiras de entrada ao cemiterio, xa que testemuños indicaban que o corpo de César Alberte se atopaba alí. Os restos non puideron ser sometidos ao cotexo de ADN polo seu avanzado estado de degradación.

Fontes

Arquivo

  • Ficha persoal de César Alberte Domínguez en Nomes e Voces.
  • Arquivo Intermedio Militar Noroeste (AIMNOR), Causa 1334/36, xurisdición de Terra.
  • Entrevista do fondo Nomes e Voces, n.º 2049.
  • Arquivo Histórico Diocesano de Tui, Carpetas do Bispado, Parroquia de San Pedro de Filgueira (1901-1959), subcartafol Cemiterio.